Bukowski
Recibo dous correos case seguidos de Bukowski que conteñen un cómic a medio elaborar; aínda está a lapis e seguro que cambiará detalles, pero ten moi boa pinta.
Coñecín a Bukowski hai anos, cando era un adolescente que aspiraba a realizar o soño da súa vida: ser artista de banda deseñada -seica lle chaman así-; seguín con interese a súa evolución, as influencias que recibía e asimilaba até atopar un estilo persoal. Vivín as súas crises, arroutadas, conflictos e malestares sen poder evitar que os meus afectos se implicasen irremediablemente, quizais porque á súa idade faltoume o apoio dun adulto.
Cada vez que gañaba un concurso (e gañou bastantes) aledábame; vin medrar as súas ás ao ritmo das alancadas coas que pisaba o mundo. Charlamos tantas veces nun bar próximo á miña casa que xa non lembro as cervexas bebidas e os cigarros fumados a medida que a voz lle subía e baixaba acorde co seu ánimo mutante.
Hoxe é un amigo. Encántame que me diga linda e bonita para saudarme, malia que non sexa certo. Xa non lle dou consellos nin lle rifo nin intento orientalo. Só falamos. Os dous sobrevivimos. Non podo evitar querelo.
Ningún comentario :
Publicar un comentario