24.6.04

Todos os fisios son iguais
Teñen un aire de familia inconfundible: sorrintes, amables, ás veces cariñosos..., pero deixan o corpo mazado entre aloumiños e profusión de xa está, xa pasou coma se o que se debate entre os seus férreos dedos non fose máis ca un anaco de carne.
Por se isto non abondase, onte a futura mamá de Marta -despois de rifarme por dicir apenas un par de palabras malsoantes diante da nonnata- soltoume ao remate da sesión: filla, é que estás moi fraca, non tes músculos nin nada.
Reboteime, claro que me rebotei, porque é mentira, mentira podre; quizais careza de musculazos e de graxaza, pero teño musculiños e celulite, ¡que carafio!; para colmo, burlouse do meu bastón, que se é de vella, que se non che pega nada, que se non podes acostumarte a el... Farta estou de dicirlle que só o saco en casos de extrema necesidade. E porque non tiña forzas que, se non... saímos nos Sucesos do Faro.
Se xa o di o refrán: En gando fraco, todo carrachas.

Ningún comentario :