Saída do armario II
En efecto, como moi ben di Cesare nos comentarios de onte, todos somos narradores; a necesidade de contar non discrimina. Só hai que botar unha mirada aos blogs para decatarse da cantidade de persoas que escriben ben, moi ben. O demais é cuestión de casualidade, de oportunidade ou de ganas de complicar a propia vida.
Que alguén se sinta especial porque escribe e publica paréceme, francamente, unha parvada, unha 'nenezada' e unha solemne estupidez; escribir para facer patria, outra que, por riba, me saca dos eixos. Eu lamento ser unha descastada, pero escribo por pracer, por necesidade, porque me gusta e punto; se o fago en galego, débese ao puro azar: nacín en Galicia; sospeito que de nacer na remota China agora estaría pelexándome cun teclado descoñecido, tería, quizais, os ollos alongados e sería máis pequena do que son.
Pero todos sabemos que a soberbia e a fatuidade son dúas debilidades humanas nas que resulta doado caer... se non se ten á man outra cousa máis valiosa.
Para Max Aub escribir é ir descubrindo o que se quere dicir, aforismo que comparto. Paul Auster expresa o seu coa escritura coma unha necesidade que lle cómpre satisfacer para sentirse menos mal. Pois iso.
Debido ás circunstancias, levaba máis dun ano atascada ou bloqueada, incapaz de desenvolver un proxecto porque todo me aburría ao cabo de poucos días ou se me antollaba un déjà vu insufrible; abrín o blog despois de pasear por outros e marabillarme con eles; coideino un bo xeito de exercitar os dedos e procurar, entrementres, unha saída ao marasmo no que me achaba. Funcionou -creo-. Cando menos, ando cunha historia que pode saír adiante, recuperei o gustazo de xogar coas palabras e xa non me torturo pensando que quedei sen imaxinación. Son fases, ciclos ou como queiran chamarlles; a estas alturas xa o debería saber, pero non dou aprendido certas cousas e o medo é libre.
E agora, tras este exercicio de stritis anímico que me permitirá falar do tema no futuro sen sentirme ridícula, comprenderán vostedes que me retire a descansar. ¡Tiven un día...!
Ningún comentario :
Publicar un comentario