1.6.04

Pensamento feble dunha avoíña sabichona
Ao longo dos dezaoito anos que impartín clase o meu pensamento evolucionou grazas, en grande parte, ao contacto constante con persoas en distintos estadios de formación que sempre tiñan as mesmas idades, aínda que eu non. Débolles moito máis do que se pode expresar con palabras por axudarme a comprender a diversidade de sentires, quereres e capacidades, por obrigarme -quizais sen intención- a saír da miña burbulla de falsa adultez e por lembrarme día a día que eu seguía sendo unha aprendiza. Débolles, por riba de todo, o abandono do pensamento monolítico ao que tan afeccionada é a maioría dos adultos.
Lembro, en particular, unha das crises profesionais que me levou a unha incomodidade comigo mesma moi difícil de aturar e da que saín liberándome de vez do papel que se me supoñía, en realidade de todos os papeis; en adiante comporteime con eles como o facía durante o resto do día, arrombei coirazas e espinme sen (demasiado) pudor, malia que con bastante medo.
Os problemas, dúbidas, temores e pesadelos que un adolescente sente só se diferencian dos dun adulto na intensidade e na falta de recursos para facerlles fronte con relativa serenidade; as súas incertezas e indecisións seméllanse ás dos seus pais coma gotas de auga olladas desde distintas perspectivas; (case) máis nada.
Adoito experimentar confusión cara ao mundo, a pesar de non ser xa adolescente; son impulsiva coma eles, pero aprendín a disimular e, ás veces, a pensar dúas veces as cousas antes de actuar; con frecuencia non teño claro qué é o mellor nunha situación concreta e, por suposto, non adoito dar a razón axiña a ninguén, porque necesito primeiro ollar o conxunto, sopesar, comprender aínda que só sexa un pouquiño.
Se un rapaz me ameaza podo reaccionar de varias maneiras; cando empecei, recorrería á máis doada: xefatura de estudios e listo; na última década de relación con eles tentaba por todos os medios poñerme no seu lugar antes de tomar medidas drásticas, preguntarlle se lle ocorrera algo no recreo ou na casa ou, sinxelamente, se tiña un mal día. Sóbranme os dedos dunha man para contar os casos en que non acabamos sendo amigos ou, cando menos, respectándonos.
Sospeito que esa actitude a extrapolei a todo o demais, por iso resúltame dificultoso en extremo demonizar a alguén porque non pensa coma min, é de dereitas ou acode á PVR. No fondo antóllanseme miudezas sen maior importancia nun mundo con tantos e tan graves problemas como, sen ir máis lonxe, a carencia de auga, de comida, de liberdade, de cultura e toda a longa restra que cada quen queira engadir.

Nota: Doulle as grazas a Contra por inspirarme o título.

Ningún comentario :