20.6.04

Demasiado azucre acaba estoxando
O bo de estar xubilada é que non teño que agachar o estado merengue; é incómodo na profesión. Sen previo aviso, contemplar o típico torpe afanado cos deberes conmovíame de tal xeito que me saltaban as bágoas; o esforzo por relaxar a boca, de socato contraída, provocábame unha taquicardia que me atragoaba o corazón na gorxa. De pouco servía a razón nin os é a vida repetidos por dentro. Tiña diante un ser humano con carencias formativas a quen quería axudar como fose a non sufrir, a que aprendese a sacar partido do bo que encerraba, a que non permitise que os compañeiros o acomplexasen. Batalla perdida. E doíame.
Non dou sacado da cabeza a un ao que só lle dei clase tres meses, o ano que rompín o nocello. Matábase en facer bonita unha táboa de verbos, aínda que o contido estivese mal do principio ao final. Casualidades da vida, unha das enfermeiras que me atendeu na operación era tía súa. Quedei estantía cando me dixo que o raparigo non se entendía ben con ninguén, agás comigo. Caeume a alma aos pés.
Ás veces coido que non son normal ou -como lle soltaba a B un dos seus diversificados- que non estou completa.

Ningún comentario :