16.6.04

Saída do armario (e) III
Non teño por costume falar mal de ninguén por escrito e menos poñendo o seu nome; exceso de prudencia, se cadra, mais prefíroo. A todos nos ten ocorrido manifestármonos dun xeito concreto nunhas circunstancias e máis tarde decatármonos de que xa non pensamos así; somos viraventos no mellor sentido do termo. Pero hai un tema que me nego a pasar por alto: o desprezo co que alguén se pronunciou contra os escritores domingueiros fronte aos marabillosos profesionais. O gran Francisco Ayala xamais quixo que o cualificasen de escritor profesional, porque non concibía unha existencia cuxo sustento dependese da escritura. Esas son palabras maiores; as outras, farelo. Para min, claro. Todo é discutible.
Tampouco son gregaria nin me agradan os gremios, e non só pola miña xa tópica penuria auditiva, senón porque..., en fin, iso de reunirse con xente que se dedica ao mesmo ca unha acaba por resultar un fastío; as ceas de instituto, por exemplo, convertíanse en xuntas de avaliación paralelas ou perpendiculares; un latazo tremendo cando único que pretendías era pasalo algo ben esquecéndote do curro. Non quero nin imaxinar qué supoñería unha reunión de escritores, galegos ou non, preocupados polas vendas, a promoción, o mal que os trata tal editorial ou o incomprendidos que son polos lectores; sospeito que ao cabo dunha hora estaría lembrando a parentela de moitos. Eu quéixome soa ou doulle a roncha a B, que para iso nos *mutuamos; como moito, permítome a licenza de desafogar a maiores con algún íntimo máis.
Polo momento, non teño en mente amosar a cara; se alguén sente moito morbo, que ate os cabiños que andan soltos por aí e, de paso, xoga a descifrar enigmas, coma no famoso códico (da Vinci). Un dos meus enderezos de correo figura nos comentarios das bitácoras que frecuento e mais nos desta; estou aberta a preguntas, consultas ou orientacións relacionadas co tema porque, como xa dixen, teño moito tempo para min e para os demais.
Non abrín este blog para publicitarme coma escritora, senón para divertirme e compartir diversión e sentimentos con outros. Desexo que siga así.

*Palabra creada hai moitos anos por un alumno de 1º de BUP. Os dicionarios non a recollen, pero deberían.

Ningún comentario :