11.6.04

Intimidades I
Nos comentarios do blog de Contra ao seu post do día 7 saíu o tema de soñar Galicia. Sobre as realidades deixei de soñar cando me decatei de que os chascos que levaba me mancaban en exceso; non sei se exercín de avestruz ou de estoica ao procurar asumir o que, por moito que quixese, non tiña traza de mudar.
Unha peixeira no súper comentaba hoxe a súa inquietude ante o verán, a que certos clientes fosen queixarse ao encargado por falarlles galego; se non a entenden, cambia decontado ao español a pesar de que lle custa. Metinme ou metéronme na conversa, e volveume a carraxe que xurara arrombar dos meus impulsos desque constatei o dano que me facía anoxarme.
Que un foráneo solicite que lle falen en español, por favor , cóidoa unha petición xusta e razoable (aínda que tamén podía esforzarse un chisco, ¡carafio!, que son moitos anos de vir por aquí); que o esixa de malos modos retrátamo coma un maleducado con problemas, ante o que a peixeira só pode calar -por moito que lle proian as bágoas nos ollos-; pero que un galego actúe do mesmo xeito coa escusa de que lle soa mal esperta os meus peores instintos.

Como soñar é barato, soñaría cunha Galicia orgullosa da súa cultura, aberta ao mundo, educada pero firme e, sobre todo, amante de si mesma.

Ningún comentario :