Descubertas
Des que vivo aquí a acumulación de sorpresas e descubertas é constante. Por primeira vez puiden comprobar en directo día a día a marabilla da que formo parte: a Natureza. Plantas en aparencia mortas abrochan paseniño en canto o coidan oportuno, abrazándote sen te decatares nun renacer preñado de esperanzas; paporrubios ardentes pasean polo xardín eludindo merlos, rulas, pegas e algún corvo atrevido que repite nunca máis cheo de razón. A ledicia dos esquíos choutando de piñeiro en piñeiro contaxia coma o riso, e o voo en picado do corvo mariño, certeiro na presa, lévate a un mundo máis real có das estradas. A elegancia das garzas gris e branca non é comparable a nada máis ca a si mesmas; a primeira disimula, quietiña coma unha estatua, até que ten asegurado o peixe; a segunda abanea o pescozo e lanza sen parar o peteiro á auga.
Onte un pardal acomodouse no marco da fiestra mentres eu escribía; permitiume contemplalo un bo anaco sen dar mostras de alarma. Conservo na retina os seus olliños negros, iguais ca abelorios de colar; tan fráxil e, porén, tan poderoso.
A primeira vez que vin a foz admiroume a capacidade de adaptación dos animais; van ao seu a pesar de que unha estrada lles rodea o terreo; berran, cantan, pescan, crían ignorando por completo os humanos, se cadra por saberen que o seu espazo está protexido de salvaxes. Procurei imitar a súa sabedoría e adaptarme: se eles poden -díxenme- non serei eu menos. E nesas ando, sempre aprendendo.
Ningún comentario :
Publicar un comentario