Saída do armario I
Comezo a pensar en facelo, máis ca nada porque me apetece a rabiar comentar cousas que saíron polo blogmillo e arrabaldes, pero sen dicir antes a qué me dedico cando non blogueo -ás veces combino as dúas-, non vexo nada claras as posibilidades.
Son escritora. Non J.K. Rowling nin Alicia Giménez-Bartlett, non; o meu é moito-moito-moito máis modesto. Escribo en galego e publico (cando publico) en Galicia, así que sobran outras aclaracións.
Hai unha tendencia xeral, para min irritante, a coidar os escritores un tipo de avis ávido por acadar fama e facerse un nome resoante; abunda tamén a idea de que somos unha especie á parte; ou de que, cada vez que abrimos a boca, debemos expresar grandes ideas; ou de que estamos obrigados a ser sublimes as vinte e catro horas do día; ou -a máis pavera- que somos intelectuais. He, he, he.
Hai de todo, lóxico, pero non todos somos uns. Pasei pola experiencia de que me tratasen "raro" persoas coñecidas só polo feito de publicar, como se de súpeto agardasen escoitarme debullar metáforas e frases brillantes decontino. ¡Un horror! A incomodidade resulta moi difícil de aturar. Outros pretendían que explicase cómo se me ocorrían as ideas. ¡Meu Deus! Iso non se pode explicar así como así; non sempre veñen do mesmo xeito. Algúns pasaron a contemplarme coma se me acabase de saír un corno no medio e medio da fronte. E non sigo.
Non me exhibo polas feiras de libros nin acepto de bo grao ir a colexios (este ano fixen unha excepción co de B e gustoume, aínda que a sinatura de exemplares me deixou bonito o brazo máis enfermo, e o ruído do instituto, os oídos febrís) nin me atraen as presentacións. Unha mestura de timidez insá e medo a non oír ben consegue que B me diga: "¿Pero ti de qué tobo saíches? Iso son escusas".
Ben, por hoxe abonda, que isto de saír do armario me fai suar. Continuará.
Ningún comentario :
Publicar un comentario