Colorar
Merquei este libro hai uns meses, por curiosidade; non agardaba un caderno para colorar, coma os dos cativos, e pensei que guindara cos cartos. Pero era bonito, as explicacións previas atraéronme e díxenme a min mesma por probar....
Mandala significa 'círculo' en sánscrito e utilízase para meditar; no budismo tibetano gozan dunha consideración especial e suponse que traballando con eles un chegará á súa esencia.
Unha das miñas frustracións é non saber debuxar; en fin, copiar si, pero non crear. En tempos coidei que un día chegaría a collerlle o tranganillo, pero as circunstancias leváronme por outros camiños; a pesar diso, encántame buscar e atopar xoias coma esta, do gran mestre Tolkien, para sublimar eses devezos. A partir del aterrei nos mandalas.
Ignoro se me achegarei á miña esencia escollendo lapis de cores, buscando combinacións harmoniosas e vivas, procurando non facer borranchos no xa pintado; polo momento levo dous e debo recoñecer que resulta unha tarefa agradable, acouga o ánimo, enzoufa os dedos e faime sentir coma unha nena.
Ningún comentario :
Publicar un comentario