De soños e meigas
Hoxe soñei con J. K. Rowling, supoño que a causa da expectación creada no foro de Akin pola estrea da terceira película. Ela estaba co seu home na mesa dunha cafetería e eu noutra, ollándoa embobada; xestos, sorrisos e movementos transmitían unha normalidade reconfortante. A escena cambiou de súpeto -coma sempre nos soños- e atopeime falando con ela, de pé ante os chanzos dunha escaleira de madeira; o seu español era perfecto.
Nun momento da noite erguinme e, cando volvín ao dormitorio, as camas estaban movidas, afastadas da parede. Pensei que se producira un pequeno sismo, coloquei a cama no seu sitio e deiteime de novo.
Cargada cos xornais, pan e tabaco regresei á casa ao mediodía; B preguntoume qué estivera facendo pola noite, que o espertara o estrondo dun arrastre de mobles; acendeu a luz e atopoume na porta do cuarto dicíndolle que non precisaba iluminación. Eu non me lembro de nada. Tampouco teño variña máxica nin pertenzo a esta especie.
Ningún comentario :
Publicar un comentario