Transplantando
Teño a pituitaria enchoupada de cheiro a merda de vaca, un dos mellores argueiros que hai para as plantas. Como é lóxico, non manexei ningunha bosta fresca, senón unha especie de pauciños miúdos que mercamos por catálogo. Como a empresa ten a sede en Holanda, sospeito que as vacas productoras non son marelas galegas, pero tanto ten, o cheiro non mente. A cala negra (en realidade, cor viño moi escura) acomodeina nun enorme testo de Niñodaguia no que estivo aloxada ata o seu pasamento unha gardenia; a roseira de pitiminí, de flores cor violeta grisácea, paseina a un máis grande, ao igual cás azaleas.
Acotío gústame enzoufar as mans na terra, desfacela entre os dedos e notar como se me mete entre as unllas. Hoxe fixen unha excepción e puxen luvas de goma; dentro dun anaco vou cociñar e non coidei prudente manexar o argueiro sen proteción ningunha.
Espero que este aroma non se demore en esvaer.
Ningún comentario :
Publicar un comentario