27.7.04

Abafo
Visita rápida e familiar á aldea sagrada que me serve para comprobar o aviso (ou ameaza) de Cesare: Xa verás que calor vai aquí. ¡Ufff! Non lembraba tal, abofé, non lembraba tal. Por riba, a vivenda dos pais está no quinto andar dun edificio vello, que non antigo, onde o sol bate coa mesma inxustiza dos inconscientes; o tipo de construción é o normal da zona nova desta aldea, malo, malísimo, e non hai ascensor. Se temos en conta o estado (precario) e idade (avanzada) dos meus proxenitores, comprenderase moi ben que cada unha das súas saídas á rúa se convirta nunha expedición, sobre todo o retorno ao campamento base: setenta e pico chanzos percorridos en oito ou dez etapas separadas entre elas por outros tantos descansos. ¡Meus! Mellor non pensalo.
Contra ás seis, non aturo máis os asubíos, a calor, o afogo, a sensación de vaime dar algo e emprendemos o regreso. Nunca agradecín tanto atopar o fogar envolto en fría néboa.
O que non impediu que a praia estivese ateigada até a bandeira.

Ningún comentario :