31.7.04

Sentidos
Excursión duns quince adolescentes; parados diante do autobús, ocupan a beirarrúa; métome no medio para pasar, salpicando "desculpa", "permíteme", "por favor", palabras que fan efecto relativo. Noto algo raro, demasiada quietude en xente tan nova, movementos curtos, conxelados. Fíxome nos lentes de sol, nos ollos perdidos, nalgún bastón branco...
Veume á cabeza J, un alumno cego que tiven. Movíase igual ca eles, a cabeza inclinada cara ao chan, aguzado o oído, a expresión concentrada e alerta.
Continúo o meu camiño, no corazón un oco dorido. Non o terán doado.

Ningún comentario :