12.7.04

INHALAR -pausa- EXHALAR -pausa-
Seguindo as indicacións telefónicas do experto, B intenta rescatar -ou reiniciar ou reconfigurar- o windows que fuxiu do meu ordenador; vai queimando etapas paseniñamente mentres eu procuro prepararme para o peor: a perda dos arquivos (¡¡¡aissss!!!).
Como son unha ordenada desordenada patolóxica, supoño (tan só supoño) que a maioría deles están en disquetes, pero non teño seguranza ningunha; acudo a todos os recursos aprendidos en diversos manuais para non perder a serenidade nin cagarme no fillo da súa nai desocupado e malnacido que inventou un virus de tal calibre. Evito por todos os medios caer nos pensamentos deformados da personalización, do catastrofismo e do "pobetiña eu" que me roldan coma harpías de poutas esgrevias; en xeral consígoo, malia certos momentos de extrema febleza que levo como mellor sei.
Este ano foi tan raro e anormal que ignoro por completo se fixen copias dos cambios que me ían xurdindo nos distintos proxectos, e dígome que, por un lado, é unha excelente oportunidade para volver empezar; por outro..., ¡enfin!, por outro non me digo máis ca ordinarieces.

Ningún comentario :