Conversar sen mover os beizos
Ou o que vén sendo o mesmo: conversar consigo. Non lembro de cándo data este costume, se cadra por ter xurdido cando aínda non sabía poñer nome a certos comportamentos. Como no fondo tendo a solitaria, sorpréndome acotío mantendo un diálogo a dúas bandas, en que Peke 1 se manifesta dubidosa e Peke 2 intenta retrucar con sensatez. De máis nova esas conversas resultaban delirantes debates entre dúas exaltadas que só conducían ao punto de partida, cunha boa dose de alteración engadida e moita máis confusión.
Á hora de encarar algo, a temerosa langranea e non dá decidido poñerse en movemento; a sensata incrépaa con todo tipo de argumentos, desde o insulto rastreiro até a gabanza engaioladora, pasando por unhas cantas frases cargadas de razón. Esgótanme as dúas; a primeira, por rabechuda e medrancas; a segunda, por resabida.
Hoxe atopeinas en plena discusión, armaban un barullo do inferno que me obrigou a deter o paso para distinguirlles as voces. Mandeinas calar sen contemplacións. De acordo, nenas, non o adío máis: esta tarde póñome a traballar.
Ningún comentario :
Publicar un comentario