Dous tipos de usuarios
Segundo un amigo meu, hai dous tipos de usuarios deste becho: os que tiveron un problema informático e os que están a piques de telo. Eu pertenzo ao primeiro, como non podía ser menos.
Á marxe das miudezas, o peor que me ocorreu usando o ordenador foi perder unha novela case rematada. Como non me fiaba das miñas habilidades e notaba que algo non marchaba con normalidade, tiven a precaución de ir facendo unha copia en papel a medida que intentaba indagar qué demos lle ocorría á pantalla. Fracasei, por suposto, nas pescudas e, así como lle dei a aceptar os cambios, observei con auténtico espanto que o arquivo desaparecera. Empapada en suor e presa dun histerismo que me facía tatexar, chamei por teléfono a este amigo xa citado; primeiro ordenoume calma e logo acudiu -tal que un superheroe- ao rescate da novela perdida. ¡Ha! Imposible; estaba perdida de verdade. Aínda hoxe ignoramos por qué. A min non me pregunten.
O incidente tivo a súa parte boa: ao volver escribir de novo a historia fun corrixindo e matizando palabras, frases e detalles. Ademais serviu para desfacerme de vez do temor reverente que me inspiraba o maldito cacharro. Iso si, amoloume unha barbaridade.
Ningún comentario :
Publicar un comentario