Encargas
Vou á hiperpapelería da zona encargar os dous libros recomendados en recentes posts por Pawley e Cesare. Hai tempo que non leo boa literatura infantil e apetéceme.
O libreiro, un home serio e pouco dado á conversa con estraños, xa sorrí cando me ve; mesmo intentou unha vez apropiarse dun libro que eu pedira, pero non lle dei opción. Mal sabe el con quen trata.
Adoito repartirme entre tres librarías por dúas razóns: contribuír á marcha das mesmas (todos teñen dereito a comer) e..., ben; dáme certo apuro que me digan ¡vaia!, vostede moito le, como se o feito de ler fose algo clandestino ou digno de censura.
O do centro da Vila Real, bolecho e calvete, é un dos máis afables, sempre ten algún comentario que el coida amable e ás veces identifica as obras polas cores da portada. Comparte comigo o gusto polo polaco e intenta manterse ao día do que lle vai chegando; comprendo que non o consiga.
A das aforas -florista, ademais- encarna a discreción, anota o pedido e loita coas distribuidoras que lle discuten a existencia deste ou aquel libro. Charlamos moito e coa confianza de dous anos de trato; gústame que non aluda ao meu vicio nin para ben nin para mal.
Tamén merco por correo; pero esa é outra historia.
Ningún comentario :
Publicar un comentario