3.7.04

Relacións persoais
Antes era moi selectiva; parapetada tras un muro de manías, temores e prexuízos, non me permitía ningunha lixeireza e fiaba moi fino, tanto que ás veces ese fío rachaba convertido en fiaño. Creo que buscaba unha perfección imposible.
A sorte de crecer é a evolución, sobre todo se un se decata da falsidade dos seus parámetros e rectifica a fondo. Os chascos forman parte do xogo: entrégaste, engánante, utilízante e foxes desa espiral. Pouco e pouco volves ao campo de batalla envolta nunha armadura protectora, até que chega o momento en que te liberas da ferralla, sabedora de que a única protección posible e efectiva emana do interior.
Non espero nada de ninguén; se recibo, cóidoo un agasallo, doulle un valor enorme, pero non procuro máis nada; prefiro deixarme sorprender. Aprendín, incluso, a mostrarme amable con quen me desgusta, quizais por ter constatado que a amabilidade desarma ao contrario. Non me cómpre forzarme, sáeme de xeito espontáneo, fluído, sen hipocrisía.
Se me comparo con quen fun, descoñézome. Agora sei que de todos e cada un dos que me rodean podo aprender e, se cadra, ata achegarlles algo que lles valla algún día. Cando lembro o belicosa que era, sempre en pé de guerra, agardando estocadas a traizón, decátome do moito que medrei facéndome máis pequena.
E sigo sorprendéndome de min mesma.

Ningún comentario :