11.7.04

Virus e bacilos
Non sei se se debe ao virus ou a que teño que usar un ordenador que non é o meu, pero síntome pelexona. Había ben de tempo que non me ocorría; moléstame todo, salto por calquera parvada e cómprenme grandes esforzos para non botar a lingua a pacer ou encerellarme nunha liorta que me dispare a adrenalina.
Irrítame até cegarme o vello tópico que se empeña en separar homes e mulleres coma se non pertencesen á mesma especie. Nunca fun quen de compartir esa solidariedade co meu sexo que brinca por riba do razoable ou do que coido xusto; tampouco comprendo a irmandade entre homes polo mero feito de ser iso, homes. Creo que esa actitude contribúe a manter un sexismo que a estas alturas da evolución humana debería estar máis que superado. Lémbrame o corporativismo abstruso entre compañeiros de profesión, malia que o compañeiro en cuestión sexa un auténtico fillo de mala nai e peor pai. Oféndeme que me metan no mesmo saco ca a unha víbora só porque gañamos a vida do mesmo xeito ou que se dea por suposto que padezo os mesmos vicios ca outra por ser muller.
Pois non. Non me peta facerme cómplice e apoiar unha persoa por tetuda e rexeitar outra por piroluda; négome a comportarme por sistema, vai en contra de todo aquilo polo que levo loitando desde que teño uso de razón.
A próxima vez que me digan muller tiñas que ser serei incapaz de controlar os meus instintos máis violentos.

Ningún comentario :