21.7.04

Só quedou nun susto
Empezo a pensar que este modelo de coche me persegue. A primeira vez case me enredo a golpes co conductor por convidalo con amabilidade a retirar o seu vehículo do medio porque molestaba. Se se me ocorre citarlle á nai, non sei cómo reaccionaría. Onte un aprendiz de geipollas estivo a piques de varrerme preto dunha rotonda por tomala en dúas rodas no centro urbano.
Conteillo a B despois de cear, en afable sobremesa, e vin como se lle demudaba a faciana. Acababa de escoitar na radio unha desas tertulias que trataban dos accidentes de tráfico e na que non podía faltar o comentario o peor é que os accidentados non pasan dos vinte anos. Claro, pobriño, só tiña vinte anos. E a muller de mediana idade á que case saca do medio, ¿que? Pois nada, unha estatística máis, unha pensión menos á conta do Estado e outro viúvo que engadir ás excepcións.
Nota: Geipollas: termo achegado por unha alumna de B, tan gráfico e expresivo que o fixemos noso. O significado é doado de enxergar.


Ningún comentario :