29.7.04

A miña fauna
-Moucho: Ave impredicible que adoita agachar a cabeza baixo a á no momento menos axeitado.
-Tigre: Félido áxil e feroz que sofre ataques de agresividade diante das cebras.
-Cebra: Équido salvaxe, polo xeral pacífico, que bota a correr presa de pánico cando atopa un tigre ao seu paso.
-Paporrubio: Paxariño miúdo, amante do miolo do pan e das faragullas de mazá, cuxa misión nesta vida é achegarlle algo de cor.
-Aguia: En perigo de extinción, esta maxestosa ave aparece moi de cando en cando, segundo as circunstancias (unha ou dúas veces ao ano).
-Rato: Roedor miúdo moi afeccionado aos libros; devora cantos pilla no seu camiño. En ocasións, mesmo os busca.
-Mono: Como o seu nome indica, encántalle facer monadas para ver rir a xente.
-Paramecio: Protozoo ciliado que vive en augas estancadas alimentándose da súa propia merda. É un dos máis perigosos.
-Miñoca: Anélido sensible e delicado moi prezado como engado polos pescadores.
-Gato: Félido, por veces domesticable, amante das caricias cando lle peta. Se lle tocan a moral, saca as unllas.
-Biosbardo: Mamífero fuxidío, anoxado cos humanos que negan a súa existencia. Prepara a súa vinganza desde tempo inmemorial.
-Mula: Caracterizada pola súa obstinación, consegue sacar dos eixos os máis temperados. Non cae da burra até que non leva un par de boas *******.
-Peke: Animaliño indefinido e improbable, caracterizado polo gusto patolóxico de aloumiños. Impredicible e desconcertante, encerra no seu cativo ser tantas contradicións que a súa domesticación resulta imposible. Non adoita ser perigoso, pero tampouco convén confiarse.

Ningún comentario :