25.7.04

Multitudes
Como cada 25 de xullo as praias énchense de xente disposta a pasar o día como se supón que é o mellor xeito, inda que para moitos sexa un sacrificio incruento.
Vai tanta calor que decidín ir mercar a prensa en coche, ante o risco de caer redonda no medio da foz. Ás veces teño ideas peores. Por sorte, puiden aparcar á sombra dunha árbore sen dar moitas voltas.
O tráfico aumentou tanto nestas semanas que a rotonda ferve de decibelios; apenas escoito as palabras da quiosqueira, malia que xa perdeu o costume de tapar a boca coa man mentres me fala. Marcho despois dunha conversa interrompida por un ronsel de clientes medio espidos á última moda; o teléfono dos taxistas non cesou de soar na parada deserta intentando sobrepasar sen éxito o ruído ambiental. A terraza do bar onde adoito tomar un té con xeo está ateigada de xente, só quedan libres as mesas petadas de sol; o teíño tómoo na casa, ao abeiro da miña cova en penumbra, lonxe de rebumbios. Ogallá que os veciños non fagan unha das súas festas.
Por momentos acho de menos a tranquilidade do inverno.

Ningún comentario :