20.7.04

Precisión, indecisión, confusión
Aborrezo as rimas na prosa e os adverbios en -mente, ata o punto de revisar un texto moreas de veces na súa busca e captura. O safari só esixe unha arma: atención; ben, minto sen querer, tamén se precisa calma e bo ollo -ou bo oído, depende- na tarefa de identificar os solapados.
Gústanme a precisión e os matices, de aí que ande sempre á regueifa co exceso de adxectivos, un dos meus vicios, a pesar de que, ao eliminar algún, me quede ás veces certa sensación de perda.
Unha idea pódese expresar de moitos xeitos, de aí que, perante tres ou catro opcións, haxa días en que permaneza varada sen saber cál escoller, comesta pola incerteza.
Ao remate, xa non sei se o mellor método é tirar para adiante á boa de Deus ou converterme nunha inquisidora da lingua.
Nota: Si, teño escoitado falar do término medio.

Ningún comentario :