Tempo e tempo
Aínda que semelle incrible, de cando en vez detéñome a pensar. Ocórreme cando me decato de que se produciu unha mudanza nalgún aspecto da vida ou do sentir; por exemplo, coa percepción do tempo. Un bo día cruzoume a cabeza a sensación de que o tempo non transcorría, que estaba aí, que eramos nós os que pasabamos por el; outro, percibín nidia a entrada no outono polo recendo do aire, á marxe de calendarios e meses; á fin, un máis, sentinme fluír no tempo e no espazo ao xeito aplicado noutros campos por Csikszentmihalyi.
Descubrín este autor de nome impronunciable pola recomendación dun psiquiatra a quen lle gustara moito Fluír, obra que achega unha nova visión do benestar.
Pero estou derivando, como adoito. Comezo cunha idea, ganduxo outra sen relación aparente e remato falando, a base de percorrer retortos meandros, dos mellores métodos para conseguir que os biosbardos procreen en liberdade.
Aínda que, ben mirado, tratábase diso: o tempo e o tempo; sen présa.
Ningún comentario :
Publicar un comentario