Arañas
Individuos da clase dos arácnidos con catro pares de patas e corpo dividido en cefalotórax e abdome con glándulas por onde segregan fíos de seda cos que tecen unha especie de tea (DXL).
Pois nada, que como nesta casa non se pode matar arañas, temos varios recantos con arañeiras e cadanseu individuo deses que (tan mal) explica a definición.
Son animais moi limpos e manteñen a casa libre de moscas e outros insectos molestos, repíteme B co seu sorriso máis irresistible. ¿E que vou facer eu? Á parte de esixirlle que a bote fóra cando unha delas se achega demasiado a min, recoñecer -mal que me pese- que este verán pululan pouquísimas moscas pola casa adiante, o que supón un alivio máis que regular.
Toléroas porque nesta vida cómpre superarse a si mesmo en determinados aspectos, pero segue sen facerme ilusión mirar o recuncho dereito da porta de entrada con dúas arañeiras e dous inquilinos ASÍ de grandes. Para min que saben cándo lles boto unha ollada polo quietiñas que están.
Ningún comentario :
Publicar un comentario