Construtores
Non lembro a santo de qué telefonei naquela ocasión ao ILGa; supoño que para pedir información ou desafogar algún dos frecuentes enfados que pillaba polas contradicións do instrumento. A persoa que me atendeu adoptou ese ton pedantorro que tanto me gusta e soltoume iso de que os construtores do nivel culto da lingua non podían atender as demandas dos pobres profesores de a pé.
As posicións quedaron claras: ELES aí, inaccesibles; nós acá, sen os míticos cornos da sabedoría, mais válidos para capear cambios case anuais que provocaban o caos nas camadas populares.
Agora, co VOLGa ao carón, véñenme á cabeza detalles desa índole ao non atopar un criterio xeral na sementeira indiscriminada de -zas e -zóns ou descubrir a ausencia de palabras coma pavero escoitadas na aldea sagrada desde a miña máis tenra nenez.
Pero non hai qué lle facer: ELES seguen aí, inaccesibles, e nós acá, tocándonos os pés.
Ningún comentario :
Publicar un comentario