Profesións sufridas
Fíxome moito nas persoas e intento establecer relacións afables coas que me relaciono acotío; teño comprobado que a amabilidade provoca a mesma resposta e algunhas vantaxes á hora de mercar.
Caixeiras, carniceiras, peixeiras, quiosqueiras, camareiras e panadeiras (¡que curioso!, todas mulleres) andan atafegadas e estresadas no verán; prefiren os días soleados porque a xente marcha á praia e non se mete en locais pechados.
Adoito ir ao súper sobre as dúas e media, hora tranquila e relaxada en que as persoas normais están xantando ou dispoñéndose a facelo. É un dos poucos momentos de acougo -relativo- que gozan as traballadoras; aproveitan para repoñer mercadorías nos andeis, cadrar as contas e ordenar a súa sección.
Unha das peixeiras, bastante maior, ofréceme sempre cousa boa e fresca e eu pico, claro. Onte estaba esgotada, sufocada; levaba sen parar desde as nove, pero aínda tiña humor para intercambiar bromas coas compañeiras e facerme cómplice.
¿Non cansarán de dicir bo día durante toda a mañá?
Ningún comentario :
Publicar un comentario