2.8.04

Esbardallar
Ignoro se chegará a bo porto a historia que absorbe os meus días, pero tanto me ten; busco datos na interné, na enciclopedia, nas coleccións de contos que se espallan na sección dos libros bonitos e teño a sensación de avanzar, de descubrir facetas dos personaxes, das súas bondades e maldades. Mesturo mundos opostos procurando unha conciliación que só a fantasía pode ofrecer; gústame este artista australiano, experto en curar pantasmas doridas e achegar paz á xente coa que trata; encántame que unha miudeza medre ata converterse en parte importante da acción; case levito coas reviravoltas que xorden sen eu forzalas, tan fluídas e completas que a min mesma me abraian.
Intrígame cómo funciona a fantasía; son incapaz de explicar o proceso creativo, pero se me faltase, estaría perdida.

Ningún comentario :