15.8.04

Medo(s)
A miña relación con el foi longa e dolorosa; o proceso de liberarme del durou bastantes anos. Se tivese que dicir cándo o perdín de vista coma unha compañía constante, pecaría de imprecisión, porque neste tipo de procesos non conduce a nada medir o tempo; só vale notar os avances, animarse por eles e andar alerta para non permitir aos retrocesos que se instalen de novo.
Chega un momento en que paraliza e couta calquera iniciativa, que converte unha actividade normal en terrible batalla; un medo conduce a outro a maneira de elos de cadea, até o punto en que ao que tes medo en realidade é ao propio medo.
Coido que na miña aprendizaxe resultou importante decatarme de que, por moito que a min se me metese entre cella e cella, sempre habería cousas que escaparían ao meu control; un trebón, unha riada, algunha enfermidade... non dependen de nós, senón da Natureza; as pantasmas que pululan na nosa cabeza só existen na imaxinación, non son reais e por iso non teñen o poder de atacarnos.
O catastrofismo está tipificado como un pensamento deformado, ese que nos leva a pensar na peor de todas as posibilidades nun asunto calquera. Boa parte dos medos provócaa el minándonos por dentro; na nosa man está contrarrestalo.
Non me refiro á valiosa sensación que nos advirte dun perigo, senón á entolecida que salta haxa ou non motivo. Para loitar contra el non existen atallos nin vías rápidas; cómpre paciencia, razón e grandes doses de ousadía. Pero paga a pena percorrer o camiño; ao final consegues o que pretendías: vivir en paz.

Ningún comentario :