Sentimentos
Durante moito tempo tentei ocultar o que sentía tras unha expresión neutra; fracasei estrepitosamente por dúas razóns: non acababa de convencerme a súa utilidade nun mundo tan cheo de malentendidos e a miña faciana tardaba en reaccionar ás supostas ordes do cerebro, co conseguinte desfase, abondo para o interlocutor. Así, comprobado que o meu non era o póquer, volvín comportarme con normalidade.
Tiven épocas gloriosas, saturadas de sentir, desas que enchen a vida de tantos matices e sabores que converten o día a día nun constante namoro; tívenas escuras, treboentas, cargadas de sentires máis ingratos; e tiven, tamén, as que eu chamo de cortiza: aboias, sobrenadas sen que nada nin ninguén che mude a forma. Son as peores.
Ningún comentario :
Publicar un comentario