14.8.04

Nudismo (e outras cousas naturais)
Doutrina e práctica dos que defenden o desenvolvemento parcial da actividade humana en estado de nudez, pois considérano o máis natural nos seres humanos. (DXL)
Estou convencida de que aqueles que se escandalizan por ver un corpo nu teñen un problema; se non desen tanta lata, faríanme rir. O que máis me amola é que utilicen os nenos como coartada ou parapeto dun puritanismo máis reseso có pan dun mes.
Pregúntome qué pode molestalos: ¿unha liberdade que eles non son capaces de exercer?; ¿que a visión da nudez allea lles lembra a nosa/súa condición animal?; ¿a ausencia de prexuízos nos demais...? Preguntas sen resposta, sospeito, porque non me vale iso de que ofenden a vista ou que atenten contra a decencia. ¿Que decencia?
Todo o mundo babea cun crío espido porque lle resulta fermoso, cóidase unha necesidade que ese corpiño note a brisa directamente na pel; entón, ¿que ocorre cando medramos?, ¿deixamos de ser fermosos?, ¿a nosa pel xa non necesita o contacto vivificador do aire e do sol?
Ocorre o mesmo cos procesos naturais, necesarios e inevitables, de botar peidos, cagar e mexar; a gran preocupación dos pais co seu bebé é se arrota despois de mamar e mexa e caga con normalidade; a diarrea e as dores producidas polos gases sen expulsar convértense en dramas; a frecuencia, cor e calidade das mexadas contrólase por prescrición facultativa. ¿Que nos ocorre aos adultos?, ¿en que clase de bechos raros nos transformamos?, en canto pasamos dos dezaoito, ¿xa non importa se botamos gases, padecemos diarrea ou mexamos escuro?
Os médicos insisten en que controlemos os nosos procesos de evacuación de impurezas e residuos, en que expoñamos a pel do corpo todo ao sol e ao aire; pero os puritanos avergónzanse por botar un peidocho en público, a pesar de que se o deixasen dentro rebentarían; fan cruces por ver unha teta ou unha pirola libres de tecido.
A min que me expliquen as contradicións moi ben porque son bastante curta de entendedeiras.

Ningún comentario :