Momentos
Agardo a visita de Cesare, anunciada para a hora da merenda, coa idea de poñerme a despexar o estudio de revistas e libros amoreados polo chan e sobre a mesa. Non é unha tarefa que me encante, máis ca nada porque me cansa axiña, a pesar de que procuro moverme sentada na cadeira de rodiñas e respaldo anatómico, feita especialmente para min. Debería pedirlle axuda a B (sei que me rifará despois), pero o caos é tal que necesito soidade para organizarme.
Dentro de catro días haberá un ano que nos mudamos a esta casa e aínda ignoro ónde están bastantes libros, metidos en dobre fila segundo o tamaño e o espazo dispoñible. Por iso tardei tanto en atopar o Ulises de Joyce; quedei con Pawley en intentar lelo canda el, aínda que arestora me bota para atrás a letra tan miúda que ten o meu exemplar, editado en 1976 e mercado en 1979. ¡Deus! ¡Que axiña pasa o tempo! Daquela non me fixaba no tamaño da letra de ningún libro; hoxe supón un argumento definitivo para mercalo ou non.
Cánto cambian as cousas ao longo da vida; o básico, porén, muda máis ben pouco. O que máis me gusta do que conservo da que fun (e conservo moito) é a capacidade de sorpresa ante o cotián, coma se o vise con ollos diferentes, alleos, novos...; coma se o vise por primeira vez. Quizais sexa o único que desexo non perder xamais.
Ningún comentario :
Publicar un comentario