5.8.04

Non, pero...
Á parte do tradeado de Vila Real que vai de acá para alá portando un tomiño sobado, de cando en vez vexo alguén sentado nun banco lendo un libro. Quizais non me parecería destacable ese feito hai uns anos, mais agora si, sobre todo se o lector é novo. Só dúas veces conseguín ver o título; unha, o famoso código ao que me nego a facer máis propaganda, pero menos dá unha pedra; outra, un dicionario de galego.
Afeccionado ao dicionario era un bedel xa maior do instituto, que aproveitaba os momentos de descanso abrindo ao chou e informándose de palabras e significados. Ás veces comentábame mira ti, atopei o que dicía meu avó cando eu era un pícaro; dicíao co aire satisfeito de quen adquire unha certeza: o seu avó sabía galego.
Cruzábanme a cabeza tantas ideas que me era imposible escoller unha. Por fin, soltáballe a que máis me fervía: ¡Claro que sabía! ¿Acaso o dubidabas?
A súa resposta chegaba tímida, desconcertada: Non, non o dubidaba, pero...

Ningún comentario :