9.8.04

Desfeitiño
A vida desordenada (¿ou non?) e as prolongadas horas de estudio trouxéronnos a Cesare co pescozo agarrotado e as costas doridas. Nada que unha boa masaxiña cun ungüento capaz de desatoar narices non puidese aliviar. A conversa, coma adoito, un pracer cargado de matices que provocan restras e máis restras de pensamentos; entre outros, falamos do canon, tema que absorbe boa parte das enerxías de Cesare nos últimos tempos e que a min me provoca certo sarabullo por escuras razóns que non acabo de aclarar. Quizais me molesta o feito de que alguén se constitúa en guía e faro para iluminar mentes atribuíndose unha autoridade que non se sabe de ónde vén; quizais sucede que me custa conceder esa autoridade porque dubido dos criterios que se empregan, sempre subxectivos e transitorios.
Rexoubamos do blogmillo, intercambiamos informacións, comentamos posibilidades de irmos á quedada da Coruña e rimos, coma sempre; aínda que continúa sen facerme moita graza que os dous homes se confabulen entre eles para meterse comigo e tomarme polo pito do sereno. ¡O que teño que aturar!

Ningún comentario :