A antiga casa do médico
Conduzo baixo mantas de auga cara á antiga casa do médico (
tres días tardei en atopala), en realidade un caserón impoñente cunha enorme antena no tellado. Alguén explícame que nela estivo a tele e, antes diso, o famoso médico descoñecido.
O recinto onde damos a clase de ioga é moi alto de teito, co chan de baldosa e unha pequena tarima cara á que apuntan uns focos (
¡claro!, pola tele); cadeiras, cabaletes, soportes de metal e caixas alongadas espállanse amoreados arredor das paredes; o conxunto resulta frío, sen graza, nada acolledor.
A maioría da xente chega en parellas e semellan coñecerse. O encargado das actividades deportivas explícanos que hai lista de espera, que o grupo das cinco é o menos numeroso (
dezasete) e que os outros están a tope (
vintecinco en cada un); A., o profesor, agarda a súa quenda. Pequeno, pálido e peludo, fala abondo alto para min, de xeito que me informo de case todo sen excesivo problema (
xa haberá ocasión de comprobar se a vista pode suplir a outra carencia, mais intúo que si).
Non trae a clase preparada; vai improvisando a medida que fornece indicacións básicas: respiración, colocación de brazos e pernas, actitude dos músculos... A primeira media hora vaise na busca de material, a segunda en movementos suaves (
ao estirar o lombo apoiada no respaldo dun asento noto que me doen varias partes desde os cadrís até o pescozo; mal comezamos), a terceira nunha introdución á relaxación que non dá tempo a rematar.
A unha das mulleres (
dezaseis) fáltalle unha man; cando me decato, óllolle o toco cun arrepío, refrego as miñas unha contra outra e meneo os dedos coma se teclease. Sorrí moito, con espontaneidade. A media sesión comenta que respirar inchando o ventre lle relaxa o estómago; seis ou sete deixan caer que son incapaces de respirar así. Aprenderán.
Marchamos ás sete, co seguinte grupo xa introducido na sala (
non saberán que antes de entrar cómpre deixar saír); continúa chovendo ás cuncas, recollo o paraugas e, ao abrilo, vexo que me deron o cambiazo: este tamén é verde, pero está roto; o meu gozaba dunha saúde perfecta. Quero crer que se confundiron, pero B rise con sorna e insísteme en que o reclame o próximo día. Dígolle que si, aínda que tamén me dan ganas de lembrarlle cómo chegou ese paraugas á casa.